a-bici-aliada-06A integración das bicis na mobilidade habitual foi unha consecuencia lóxica do novo modelo, xa que a cidade foi converténdose nun espazo moito máis amable para este medio de locomoción autopropulsado, que pode circular por áreas peonís e convivir co tráfico a motor.

Poucos carrís bici

Pontevedra apostou seriamente pola convivencia entre as distintas modalidades de tráfico, limitando os abusos que se producían, maiormente derivados da excesiva presenza de automóbiles privados. No casco urbano o tráfico está completamente calmado, polo que os coches deixaron de ser unha ameaza para bicis e peóns, xa que se reduciu drásticamente o número de accidentes.

Algúns carrís bici téñense conservado e mesmo desenvolvido, sobre todo pola beira das Xunqueiras do Lérez, para ofrecer un itinerario continuado entre a senda do Lérez, Monteporreiro, a Illa do Cobo e a Xunqueira de Alba, co que quedaron liberados de puntos negros que facían a circulación en bici pouco recomendable. Hoxe é un camiño seguro.

Por que hai poucas bicis?

A dimensión da cidade non dá ás bicis un papel fundamental na redución do tráfico a motor, como pretenden outros moitos modelos urbanos.

As bicis en Pontevedra forman parte do estilo de vida de moitas persoas, que non gañan moito tempo nos seus desprazamentos porque as distancias que percorren son relativamente escasas, pero prefieren ir en bici a camiñar.

Normalizando a bici

Se nunha primeira fase o Concello estableceu un sistema de aluguer de bicis públicas, terminou por anularse debido ao seu escaso uso e á carestía do seu mantemento. As persoas interesadas foron mercando os seus propios vehículos, que manexan con facilidade nun espazo público san e pouco saturado de fumes e ruídos.

A cidade conta con numerosos puntos de estacionamento de bicis, e son moi poucos os incidentes de roubos rexistrados.

Así mesmo, foron xurdindo iniciativas económicas como mensaxerías urbanas de reparto, ou empresas de aluguer de bicis e obxectos rodantes dirixidos a mozos e turistas. Algúns restaurantes de comida rápida reparten en bici no verán e as tendas de bicis e servizos ao ciclista gozan dun grande dinamismo.

Respecto intermodal

As liñas habituais de comunicación relacionadas coa mobilidade ciclista teñen que ver coa convivencia entre varias modalidades de transporte, xa que se os vehículos a motor deben ter especial precaución coas bicis, os usuarios destas deben ter o mesmo respecto cos peóns.