Pontevedra é desde 2011 a primeira cidade coa velocidade limitada a 30 km por hora en todas as vías do seu territorio urbano, unha medida xa recollida na ordenanza municipal de uso dos espazos públicos de 2009.

Algunhas zonas concretas teñen incluso a velocidade máis reducida, a 20 km/h. Son espazos nos que se rexistran altas afluencias de público infantil, tanto polo acceso a colexios próximos, como zonas de xogo ou paso de persoas.

Lombos, rotondas

Estas medidas normativas compleméntanse sobre todo con outras de infraestruturas:

  • Os máis de 230 pasos de peóns sobreelevados. Estas mesetas, chamadas popularmente “lombos” permiten dar continuidade ás beirarrúas, indicando ao conductor do automóbil que é él quen “invade” o espazo do peón, e non ao revés.
  • As 35 rotondas de distinto radio que fóron construíndose por toda a cidade, como elementos organizadores do tráfico nos cruces e para mitigar a velocidade en treitos que o precisaban.
  • Unha grande parte das rúas da cidade fóron recentemente reformadas con criterios restrictivos para o uso violento e amenazador do automóbil, limitando a anchura dos carrís de circulación ao mínimo imprescindible para unha condución prudente.

Mellora a velocidade media

Cando a velocidade máxima era de 50 km/h, a velocidade media dos automóbiles que circulaban pola cidade era de 11,49. Coas actuais circunstancias (velocidade 30, redución da densidade do tráfico, calmado do tráfico, etc), a velocidade media é de 20,83 hm/h, considerábelmente máis alta.

Tamén no rural

As vías do contorno rural que dependen da administración municipal teñen igualmente limitada a velocidade a 30 km/h, e moitas delas dispoñen xa de lombos para o autocontrol da velocidade. O obxectivo é ir completando os medios de prevención da accidentabilidade a través do calmado do tráfico a motor especialmente nos núcleos de centralidade esparexidos por todo o territorio.

Stop violencia viaria

Toda esta política encádrase dentro das medidas de calmado do tráfico activadas en toda a cidade para conseguir mitigar a violencia viaria. Un accidente provocado por un automóbil a 30 km/h ten consecuencias moito menos graves que o mesmo accidente con velocidades de 50 ou 70 km/h.