Evitar a disgregación comercial

Moitas cidades “deslocalizaron” a súa actividade comercial cara a zonas industriais ou periféricas. Promoveron centros comerciais nos que os cidadáns pasan a reducirse a “consumidores”, xa que todo está pensado para eles. Crean unha mobilidade distinta: o comercio de proximidade xera moito menos tráfico a motor que os centros periféricos.

Alimentos frescos

Unha das claves da calidade de vida é o acceso aos alimentos frescos, característicos de supermercados ou tendas de provisión cotiá para a cidadanía. A estrutura urbana deste tipo de establecementos é moi tupida, de tal xeito que as persoas poden prescindir de mercar en grandes superficies para realizar compras perecedeiras. A cómoda mobilidade peonil urbana permite utilizar estes establecementos con facilidade. Moitos teñen servizo rápido a domicilio ou permiten levar á casa os carriños de rodas.

A pé a mercar

Un sondeo urbano realizado en 2016 rebela que máis do 90% das persoas que viven no centro urbano realizan as súas compras cotiás en radios de proximidade aos seus domicilios. Só existe un gran centro comercial periférico, ao que menos do 15% dos habitantes da cidade acoden unha vez ao mes, así como a outros supermercados de menor tamaño ubicados na periferia e que dispoñen de aparcadoiros propios.

Unha economía forte

A economía terciaria medrou en Pontevedra 7,1 puntos porcentuais entre os anos 2001 e 2015, período de realización da maior parte da reforma urbana. Sectores como o comercio, a hostelaría ou os servizos, que se ubican especialmente nas zonas liberadas de automóbiles, experimentaron un desenvolvemento notable, aínda tendo en conta os profundos cambios macroeconómicos deses anos, unidos a unha crise que afectou a todo o Estado español.