difusionexpejpg

Participación en congresos e eventos

Son numerosísimas as demandas de participación en congresos e reunións sobre os máis variados temas da xestión urbana, tanto a nivel galego como peninsular e europeo.

  • Mobilidade urbana
  • Seguridade viaria
  • Modelo urbano
  • Accesibilidade
  • Mobilidade infantil
  • Reforma urbana

Nos últimos anos, a participación da cidade en eventos relacionados coa mobilidade e o deseño urbanos foi intensa. Houbo múltiples eventos nos que Pontevedra tomou parte amosando a súa experiencia sobre mobilidade responsable, deseño urbano e xestión sustentable.

Pola súa transcendencia mediática, cómpre falar do Cumio do Clima de 2015. A alcaldesa de París e o presidente da Fundación Bloomberg convidaron ao alcalde de Pontevedra a participar no encontro mundial de dirixentes municipais, no que as principais urbes do mundo se comprometeron a reducir as súas emisións de gases. Pontevedra reduciu nos últimos 15 anos máis do 60% das súas emisións, polo que grazas ás restricións ao automóbil privado e á ecoxestión da mobilidade, cumpre sobradamente os cánones marcados para as cidades.

Francia e Bélxica son tamén o epicentro de Intermodes, unha axencia europea dedicada a estudar a intermodalidade no transporte en todas as súas dimensións. O premio outorgado a Pontevedra en 2013 supuxo unha importante divulgación do modelo de cidade neses países, especialmente en Francia, onde a revista We Demain (sobre as tendencias máis avanzadas do mundo no que á innovación en mobilidade se refire) e varios medios informativos de primeirio nivel, difunden reportaxes sobre a que habitualmente denominan “Cidade sen coches”, acadando unha gran visibilidade.

A conferencia internacional Walk21 celebrada en Múnic en 2012 serviu para que Pontevedra asinase con outras cinco cidades a Carta Internacional do Camiñar, na que se comprometen a dar prioridade á mobilidade a pé sobre outras modalidades de desprazamento dentro da cidade.

A European Conference on Mobility Management (ECOMM) celebrada en Florencia en 2014 tamén requeriu a presenza de Pontevedra, igual que ocorreu na New York Academy of Medicine, no seu congreso FitCity 10, sobre o deseño urbano saudable, que incluíu un pormenorizado estudo sobre o modelo urbano de Pontevedra en 2015, aproveitando a presenza na cidade estadounidense da delegación pontevedresa que recolleu o Active Design Award en 2015.

Outro punto de especial trascendencia é Roma, cidade na que traballa un dos principais prescriptores internacionais do modelo pontevedrés, o psicopedagogo Francesco Tonucci, autor de La città dei bambini, un libro no que reclama cidades capaces de educar á infancia sen ameazas. Na capital italiana Tonucci traballa no Consiglio Nazionale delle Ricerche, onde se organizaron varios eventos con Pontevedra como exemplo para outras cidades italianas.

Cidades como Dubai e Hong-Kong acolleron así mesmo conferencias sobre o modelo de cidade e a súa relación coa mobilidade das persoas e a calidade de vida, o que lles valeu sendos premios. En Dubai, o ONU Hábitat, dedicado en todo o mundo a proxectos que contribúen a mellorar as condicións de vida das persoas.

Moitas son as cidades portuguesas que interaccionan con Pontevedra para fixar os seus planos de mobilidade ou reflexionar sobre estes asuntos a partires da experiencia pontevedresa, tanto na organización do tránsito, como no protagonismo peonil e na accesibilidade universal.

Cidades e universidades do Estado español estudaron en varias ocasións o modelo pontevedrés de deseño urbano, a mobilidade responsable e a xestión sostible da cidade. Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Pamplona, Xixón, Alacante, Bilbao, San Sebastián, Torrelodones, entre moitas outras, cóntanse entre as cidades que dalgún xeito valoraron o modelo pontevedrés nalgunha das súas dimensións.

Unha dimensión peculiar reside nas actividades do Centro Nacional de Educación Ambiental de Valsaín (Segovia), en concreto no seu seminario permanente sobre Mobilidade e Infancia, no que habitualmente requiren a presenza dos responsables do Camiño Escolar pontevedrés. Ademais, en 2013, o Centro celebrou a súa sesión anual en Pontevedra.

A Rede de Cidades que Camiñan, da que forman parte máis de 50 localidades españolas e portuguesas, ofreceu a presidencia honoraria ao alcalde de Pontevedra, por resultar un referente para os fins da entidade, que consisten en fomentar o traslado a pé nos espazos urbanos.