Antes da invasión dos coches, a partires dos anos 50 do pasado século, as rúas eran básicamente espazos de convivencia nos que decorría boa parte da vida colectiva e os cotactos entre a xente. A cidade combinaba funcións comerciais, residenciais e até industriais sen nengún problema.

Posteriormente fóron enchéndose de coches e incluso moitos espazos históricos que non fóran concebidos para utilizar automóbiles, enchéronse deles. Unha grande cantidade de coches invadiron rúas e prazas, convertíndoas en lugares de paso e garaxes ao aire libre (dereito a aparcar).

Cando alguén merca un coche, non está mercando o dereito a privatizar un anaco de rúa, dese espazo tan necesario para todas e todos, e para levar a cabo actividades como pasear, trasladarse, mercar ou desenvolver calquera outra actividade urbana.

Pulo económico

A cidade sen coches resulta máis rendible para a actividade económica, xa que permite acceder con comodidade a todas partes, dar visibilidade aos escaparates, instalar veladores na rúa ou gozar dun ambiente máis sano e agradábel. Esto permite un desenvolvemento da economía terciaria (comercial e de servizos) que non sempre é entendida por todos.

Son moitos os empresarios e profesionais que nun primeiro momento se posicionaron en contra do modelo peonil, e hoxe defenden este xeito de mobilidade como o máis acaído para unha cidade. Hai bastantes comerciantes de rúas que non están dentro do circuíto peonil que reclaman a peonalización ou calmado de tráfico para un aumento da súa calidade de vida e a modernización do seu negocio.

Eventos e festas

Un espazo público básicamente peonil como o de Pontevedra permite a celebración constante de festas e outros eventos, de moi doada realización nos grandes espazos ganados para a cidadanía, que axudan a viabilizar a economía de servizos, pois achegan con moita frecuencia gran cantidade de público á zona central da cidade.

Estes eventos non supoñen cambios traumáticos para a mobilidade e o funcionamento da cidade, aínda que sexan tan intensos como a Feira Franca, a Peregrina ou calquera campionato deportivo internacional dos que acostuman a celebrarse en Pontevedra.

Cada vez máis espazo

Conseguir espazo público foi un traballo progresivo desde 1999, que comezou coa peonalización do Centro Histórico, no que se aparcaban uns 500 coches impedindo calquera outra actividade e cun perigo progresivo de converterse nun barrio marxinal.

Despois fóron integrándose na área peonil espazos centrais de importante actividade comercial, expandíndose coma unha mancha de aceite. En paralelo realizáronse transformacións en eixos de comunicación básicos que conectaban o centro coas estacións ou co río Lérez… así mesmo, foi reorganizándose a mobilidade, recuperando para as persoas grandes espazos.

Como é cada rúa?

Por tónica xeral, as rúas máis estreitas peonalizáronse na súa totalidade. As que medían entre 8 e 10 m de ancho, fóron dotadas de plataforma única, con réxime peonil e tráficos a motor para servizos únicamente. As que tiñan entre 10 e 14 m dotáronse dun carril de circulación, beirarrúas anchas e un carril para aparcar por tempo limitado e facilitar os servizos. As que contan con máis de 14 m de ancho repártense os espazos máis equitativamente: beirarrúas anchas, carrís de estacionamento de servizos e dous carrís de circulación.