Aprender dos clásicos foi unha das claves da transformación da cidade. Estes libros sobre urbanismo e cidade axudaron en maior ou menor medida a dar forma á Pontevedra contemporánea.

Clarence Perry (1929)
Este planificador urbano e sociólogo neoiorquino fala da “unidade de vecindade” como os 5 minutos a pé que se poden empregar para definir distancias. A cidade debe ter pluralidade de usos, os colexios deben atoparse como máximo a 800 m das vivendas dos alumnos, os comercios a 400 m, o tráfico rodado debe derivarse polo contorno e as vías interiores disuadir o tráfico non desexado e garantir a seguridade peonil.

Jane Jacobs (1961)
Escritora e activista, Jacobs ataca a especialización da cidade imperante nos anos 50 (administrativa, sanitaria, comercial, de ocio) que obrigaba a realizar longos desprazamentos e a utilizar vehículos privados. Propón usos múltiples e mazás pequenas que faciliten o tránsito peonil. As beirarrúas e os espazos públicos deben ser o corazón da cidade e os mellores lugares para que xoguen os nenos e nenas.

Reuben Jacob Smeed (1961)
Foi o primeiro director do Transport Research Laboratory de Reino Unido. Relaciona o número de vítimas en accidentes coa densidade do tránsito. Tamén demostra que cantas máis medidas se toman para mellorar o tránsito de coches, máis condutores se incorporan, o que leva a unha maior conxestión.

Francesco Tonucci (1991)
Este psicopedagogo italiano pon ao día as teorías de Jane Jacobs. Para el, os nenos e nenas teñen que explorar a cidade e xogar nas rúas e prazas. Eles serán os cidadáns de mañá: se aprenden a respectar os espazos públicos, no futuro tamén se responsabilizarán deles e ensinarán a respectalos ás seguintes xeracións.

Peter Hall (1988)
Este profesor de Berkeley e do University College de Londres sintetiza a historia do urbanismo do século XX e mostra o fracaso das tendencias que consideran o planeamento urbano como un simple deseño físico. Propón integrar as súas dimensións económicas, sociais e políticas.

Donald Appleyard (1981)
Este profesor da Universidade de Berkeley di que o espazo urbano debe ser un ámbito de convivencia. En colaboración con Colin Buchanan establece que cada rúa debe ter un máximo de 2.000 a 3.000 vehículos/día en zonas residenciais (en Pontevedra, a rúa Benito Corbal tiña en 1997 entre 12.000 e 20.000). Estudos máis recentes (Chesterman, 2009) recomendan entre 1.500 e 2.000 vehículos/día.

Juan A. Santamera e Felipe Manchón. Ministerio de Obras Públicas, Transportes y Medio Ambiente (1995)
Estes enxeñeiros elaboraron a primeira guía completa, global e pormenorizada para a ordenación e o tratamento racional dos espazos públicos urbanos, para gozar mellor deles. Contén numerosos exemplos e material gráfico sobre os distintos espazos e os seus tratamentos superficiais.

José Martínez Sarandeses. Ministerio de Fomento (1999)
Este arquitecto quere aunar as formas urbana e arquitectónica coa calidade ambiental, para configurar espazos útiles e acolledores, corrixindo as consecuencias de conceder toda a prioridade aos automóbiles privados, desnaturalizando o carácter público dos espazos urbanos.

Alfonso Sanz. Ministerio de Fomento (1998)
Recolle as primeiras experiencias europeas, especialmente holandesas e danesas, para cambiar a mobilidade en cidades tensionadas polos coches e trata de aplicalas á nosa realidade. Unha visión distinta á que por entón estabamos afeitos.

Sir Colin Buchanan (1963)
Enxeñeiro civil británico autor dun reputado informe sobre o tráfico nas cidades, hoxe universalmente aceptado e de grande influencia no que respecta ao deseño urbano. Resulta interesante o concepto de “capacidade ambiental” dunha rúa, que se define como o volume de tráfico que se pode asumir sen comprometer a calidade de vida dos seus residentes.