A liberación do espazo público dos coches que o invadían supuxo un antes e un despois para a mobilidade infantil, tanto no que ten que ver coa súa actividade ordinaria, como ao acodir ao colexio. A cidade tiña que se converter nun espazo educador en sí mesma. A nenos e nenas non só hai que protexelos, senón incorporalos á vida urbana en plenitude de dereitos.

Unha das fontes teóricas das que bebeu o novo modelo de cidade foi a obra de Francesco Tonucci “A cidade dos nenos”, que ven dicir que facendo unha cidade pensando nas criaturas, faise unha cidade máis xusta para todos os demáis.

Facilitar os movementos libres dos nenos, o xogo, o uso do espazo público, os traslados a pé, etc, son obxectivos que só poden realizarse liberando á cidade da amenaza que supón a invasión de automóbiles.

Pontevedra xa forma parte das cidades amigas da infancia da Fundación Meniños, e está integrada na rede internacional “Cita dei Bambini”, impulsada por Tonucci.

Policía Local

Este corpo policial é o organizador deste sistema de mobilidade infantil, que planifica e difunde os datos de apliación e resolve todas as dúbidas que plantexa a comunidade escolar, da que son interlocutores. Así mesmo, realizan unha vixilancia do sistema e aplican mecanismos de prevención cando é preciso.

Estas accións forman parte do sistema de educación viaria da Policía Local, que difunde entre os escolares a principal información sobre a mobilidade urbana.

Camiño Escolar

Baixo esta denominación funciona un plan municipal e escolar que persigue que os nenos e nenas acudan sós ao colexio, sen acompañamento dos adultos, aproveitando as favorables condicións de seguridade viaria que ofrece a cidade.

O plan leva varios anos funcionando, tanto na cidade central como en Monte Porreiro, e con resultados moi positivos: O 81% dos nenos entre 7 e 12 anos van camiñando ao cole, máis da metade sós.

O obxectivo último do Camiño Escolar é que toda a cidade sexa un Camiño Escolar constante e continuo, e que os nenos fagan cada día os itinerarios que lles apeteza sen problema.

Un dos aspectos máis chamativos do modelo, solicitado polos pais, é ubicar nos principais cruces de rúas unhas persoas que axudan a cruzar a nenas e nenos. Na urbanización Monte Porreiro existe un sistema de voluntariado entre adultos para prestar este servizo.

Escolas e comercios

O proceso de implementación do Camiño Escolar foi consensuado coa comunidade escolar, nun proceso participativo no que tomaron parte especialistas do CENEAM, expertos en mobilidade e membros da Policía Local, así como pais e nais de alumnos, profesores e os propios escolares.

Tamén os comercios teñen un protagonismo especial, xa que calquera nena ou neno que se atope en dificultades pode acodir a un dos moitos establecementos que exhiben un sinal coa imaxe do Camiño coas palabras “Aquí axuda”. Eles poderían chamar ao colexio ou á Policía Local para informar do incidente.

Consello dos nenos e nenas

Funciona cun proceso participativo entre o alumnado, que expón as súas ideas sobre a cidade nunha xuntanza anual ante os responsábeis policiais e o alcalde ao que acoden mozos de cada un dos centros de ensino da cidade.

Cada intervención dos nenos e nenas suscita unha resposta dos responsables técnicos e políticos, que á súa vez inspiran a xestión urbana nas impresións extraídas destas froitíferas xuntanzas.