INTERMODES 2013

intermodes2013

Qué é Intermodes?

Unha axencia europea sobre as políticas de intermobilidade, Está relacionada co Comité das Rexións da Unión Europea e os seus expertos e prescriptores dedícanse o estudo das distintas modalidades de transporte nos ámbitos locais e rexionais europeos. Organiza anualmente unha convención en Bruxelas, e ocasionalmente visitas experimentais a distintos lugares de Europa para coñecer modelos de mobilidade. En Pontevedra estiveron o pasado mes de setembro de 2014.

Pontevedra foi seleccionada para recibir o Premio INTERMODES 2013 pola súa exemplar política de mobilidade intermodal.
Intermodes subliña especialmente que Metrominuto, é o primeiro plano pedestre dunha cidade europea.

Con cariño e sensibilidade

Crer na forza interna que esta cidade é quen de xenerar foi a principal das enerxías invertidas na transformación de Pontevedra. Tratar con cariño e sensibilidade as súas rúas e prazas, o seu patrimonio arquitectónico e a súa riqueza natural foi o inicio desta transformación que os cidadáns soñamos e que os cidadáns impulsamos.

Guiados por un modelo gobal de cidade alternativa, fóronse tomando as decisións necesarias para situar ás persoas no centro da vida urbana, convencidos de que era o mellor xeito de acadar uns niveis de calidade óptimos para vivir nun ambiente harmónico e intersante.

Fóron nacendo así os diferentes plans que permitiron incrementar o espazo público para as persoas. Plans de infraestruturas, como a reforma integral do espazo público que mellorou beirarrúas, prazas, pavimentos, servizos e conducións soterradas…

E tamén plans culturais como a promoción do costume de camiñar e toda unha cultura viaria na que as persoas e a súa mobilidade máis simple e natural, están no centro da atención, postergando o automóbil aos usos imprescindíbeis.

O premio outorgado pola axencia europea Intermodes é toda unha honra para a Pontevedra contemporánea. Grazas pola vosa sensibilidade e as vosas atencións. Un auténtico estímulo para continuar traballando con humildade, abnegación e sentido común. Sabemos que outro mundo é posibel, polo que empezamos por facer posíbel unha cidade que vive coa sana e lexítima intención de mellorar.

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra

alcalde-foto-vertical_01

O territorio

A cidade érguese nun promontorio rochoso de escasa altitude rodeada polo río Lérez, xusto cando éste se funde coas augas da ría de Pontevedra, aberta ao Atlántico.

Ubícase no centro das Rías Baixas, en pleno Eixo Atlántico, equidistante de Porto e A Coruña, e de Vigo e Vilagarcía, na zona máis densamente poboada de Galiza.

Ademáis do Lérez, conflúen na capital outros ríos como o Rons, Valdecorvos e Os Gafos, que lle aportan un certo carácter fluvial. As Xunqueiras de Alba, Lérez e Mollavao, algunha xa minguada polos recheos, conforman importantes zonas húmidas mesmo perto da trama urbana. O interior da ría é unha zona intermareal de grande riqueza marisqueira e interés natural.

O seu clima oceánico suave ofrece valores térmicos en xaneiro de 13-6ºC e en agosto de 26-15ºC. De media, en xaneiro hai 15 días de choiva e en agosto 5.

A reforma urbana

Iniciada a finais dos 90, trouxo consigo unha modificación radical da mobilidade urbana, ate entón baseada na utilización abusiva do automóbil particular.

As fotografías mostran o antes e despois de diversos recunchos da cidade. Reflicten o importante alcance da reforma urbana que comezou en 1999, que supuxo a recuperación para os peóns de moito espazo que antes ocupaban os automóbiles.

reforma-01
reforma-02
reforma-03
reforma-04
reforma-05
reforma-06
reforma-07

A xestión da mobilidade

xestion-da-mobilidade-01

Menos en coche,
máis a pé

Tras a peonalización, o espazo que antes ocupaban os coches, agora é utilizado polos peóns; xeneralizouse a accesibilidade universal para fomentar a integración e unha vida independente para as persoas con dificultades. O reforzo da zona central como núcleo da actividade comercial e administrativa evitou a construción de centros comerciais na periferia e con iso, milleiros de desprazamentos motorizados.

A accesibilidade universal abrangue todo o espazo público urbano.

Un espazo público digno

A transformación de Pontevedra foi inspirada igualmente na “Cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, co obxectivo de promover unha infancia máis sana e feliz, impulsos combinados coa xeneralización do “traffic calming” en todo o espazo urbano, para aumentar a seguridade e dignificar o espazo público. A obra “Calmar el tráfico”, de Alfonso Sanz, foi un dos principais guieiros da reforma.

A accesibilidade universal abrangue todo o espazo público urbano.

Preferencia peonil

Ao limitar a presenza dos automóbiles na cidade, gañouse unha considerábel cantidade de espazo público, que puido ser dedicado a crear grandes itinerarios peonis, con amplas zonas de preferencia para os traslados a pé.

Moverse sen motor —a pé ou en bici— en Pontevedra é moi doado, sano e seguro. Os coches xa non supoñen unha ameaza permanente, xa que as rúas están cheas de xente, redúxose o ancho das vías rodadas e xeneralizáronse os obstáculos físicos. Foi a primeira cidade en reducir a velocidade máxima a 30 km/h.

O peón, no centro da intermodalidade

O sistema intermodal de transporte de persoas baséase na prioridade dos traslados non motorizados. Existe unha grande franxa de estacionamento gratuíto nun extremo do nucleo central, con capacidade para mil automóbiles, que funciona como intercambiador coche-peón para os públicos que proceden de fóra da capital, e que deixan o seu coche a uns 10 minutos a pe da maioría dos centros de afluencia cidadán.

nodo-intermoda-de-autobus-02
nodo-intermoda-de-autobus-03

Nodo intermodal de autobús e ffcc

As estacións de autobuses e ferrocarril funcionan como un único nodo de comunicacións, e o transporte colectivo intercomarcal que penetra na cidade conta con paradas nos principais puntos dos seus percorridos.

A conexión entre o centro da cidade e as estacións pode realizarse por vías convencionais ou polo parque fluvial do Río dos Gafos, un frondoso itinerario peonil.

Case todas as liñas de autobuses que penetran na cidade, que dispoñen dunhas 50 paradas en todo o casco urbano, teñen de orixe e destino este centro de viaxeiros.

Estacionamento intelixente

Ademáis dos aparcadoiros intermodais sen custo, o sistema de estacionamento en superficie permite estadías gratuítas de 15 minutos nos horarios comerciais en toda a cidade, así como amplos horarios de abastecemento comercial nas zonas peonís. Todo o centro urbano está arrodeado de aparcadoiros soterrados de pago, con accesos doados desde a periferia. En total, 13.131 prazas. Este sistema de estacionamento permitiu unha apreciábel diminución do tráfico a motor no nucleo urbano.

Os resultados

Grazas ao novo sistema, eliminouse do espazo urbano a circulación a motor non necesaria, xa que o 65% dos desprazamentos realízanse a pé ou en bici.

A intermodalidade baséase no abandono do motor para os traslados dentro da cidade. A maioría das persoas que chegan, deixan o medio no que veñen (tren, autobús, automóbil particular) para desprazárse camiñando a calquera destino interior.

A cidade con menos presión de automóbiles resulta cómoda para moverse, máis habitábel e amábel para as persoas, favorecendo a actividade económica terciaria e favorecendo focos de atracción para o turismo ou o comercio.

A mellora medio ambiental é patente, xa que eliminando os gases dos motores minóranse as ameazas contra a atmósfera e contribúese a un ambiente saudábel e ecolóxicamente máis sustentábel.

Mellora substancialmente a seguranza viaria, cumprindo os obxectivos europeos e as demandas da sociedade organizada contra a violencia vial, eliminando as víctimas mortais nas zonas transformadas (prácticamente toda a zona urbana) e mantendo un baixo nivel de incidencias, con moi escasos episodios de gravidade.

Marco conceptual

Prioridade do modo peonil na mobilidade e intermodalidade urbana

Na nosa sociedade as necesidades de mobilidade son cada vez mais elevadas; estradas, autoestradas, metros, ferrocarrís, portos, aeroportos, aumentan a súa capacidade e dan solución, por separado ou conectadas, a demandas cada vez mais elevadas; a seguridade e comodidade das infraestruturas, así como dos medios de transporte, é cada vez maior.

Este panorama optimista rómpese de xeito radical cando entramos no mundo urbano. Os problemas de mobilidade, tanto de mercadorías como de pasaxeiros, no mundo urbano segue sen solución; é mais, poderíamos afirmar que durante as últimas décadas a situación é estacionaria no mellor dos casos e, en xeral, evolucionou negativamente.

A mobilidade mellorou moito nas últimas décadas, tanto nas súas infraestruturas como nos medios de transporte. A excepción é a mobilidade urbana que segue igual de mal ou incluso peor

Algo, ou moito, se debeu e debe estar facendo mal para que os grandes investimentos e as medidas de todo tipo adoptadas, non teñan efectos positivos na mobilidade urbana. Téñense probado todo tipo de medidas sen grandes resultados.

A Zona Azul, a ORA, os carrís reversíbeis, o recorte de beirarrúas, os pasos soterrados e elevados para peóns, os scalestrix para o tráfico, a onda verde, os estacionamentos disuasorios, os semáforos intelixentes, o cobro por entrar na cidade, a paridade das matrículas, as restricións aos fluxos peonís, a mellora do transporte público,…, e unha longuísima colección de medidas deste tipo, foron anunciadas como solucións, en certos casos moi concretos puideron supoñer unha mellora, pero o problema xeral da mobilidade urbana e da seguridade vial urbana segue a ser un problema grave e irresolto.

Cando un problema como este, que se ten atacado con plantexamentos e enfoques diversos e variados, con múltiples recursos e medidas, segue a non ter solución, seguramente sexa porque hai algún ou varios aspectos conceptuais, de fondo, estruturais, que non se están abordando.

E non estamos dirixindo a nosa atención a cuestións como a cada vez maior demanda de mobilidade, o aumento do parque de vehículos motorizados, a concentración da poboación e da actividade nas cidades ou áreas metropolitanas, o aumento das distancias entre os centros de residencia e traballo, ao deseño co se construíron as nosas cidades, ou similares.

Este tipo de feitos son parámetros inamovíbeis, ou, cando menos, de moi lenta e difícil modificación; xa houbo intentos de deseñar partes de cidades e, incluso, cidades enteiras pensadas para o automóbil e os problemas de mobilidade terminaron por ser, pasando o tempo, dunha gravidade similar.

Algunha variábel, algunha causa de fondo, profunda, estrutural, conceptual, está sen resolver na mobilidade urbana. Mentres estes problemas de fondo non se aborden, as medidas concretas fracasaron, fracasan e fracasarán.

Estamos pensando na enorme e profundamente inxusta desproporción que existe na consideración, tanto real como oficial, dos distintos tipos de mobilidade, nos supostos dereitos adquiridos polo vehículo individual, polo turismo, sobre todos e cada un dos demais medios de desprazamento.

Este é o grande problema de fondo irresolto e que está lastrando a eficacia de todas e cada unha das medidas que se tratan de aplicar para mellorar a mobilidade e a seguridade urbana, así como redundando nunha preocupante diminución da calidade urbana, da calidade de vida nas cidades.

Todos os demais medios de locomoción padeceron graves prexuizos e deterioros na súa funcionalidade, todos: a bici, o transporte público, o peonil, e, incluso, indirectamente o tren e o metro; de entre todos estes medios de mobilidade, os que mais padeceron co predominio do vehículo, foron a peonil e a ciclista; esta última case chegou a desaparecer das nosas cidades (hoxe preténdese recuperar), e a peonil veuse constreñida e limitada de tal xeito que case pasou a ser marxinal (tamén se pretende recuperar, moitas veces por consello médico).

O reparto, o equilibrio, entre os diferentes modos de mobilidade urbana está profunda, radical e inxustamente descompensado a favor do vehículo motorizado individual. Esta é a causa profunda que hai que abordar

A mobilidade peonil é a mais básica e natural de todas; a primeira en orde de importancia e, a maiores, absolutamente insustituíbel e non intercambiábel por ningún outro tipo de mobilidade. Todas as formas artificiais de mobilidade poden ser sustituídas, dentro das cidades, por outras alternativas; a única absolutamente natural e biolóxica, a peonil, non.

As mobilidades motorizadas foron uns enormes avances que nos permitiron chegar cada vez mais lonxe e cada vez en menos tempo, pero a súa funcionalidade foi tan invasora que criou a ilusión de que podía suplantar as formas naturais de desprazamento.

Andar unhas cantas decenas de minutos, aparte de ser moi natural e moi san, é consubstancial ao ser humano, salvo impedimento físico.

Pero aparte destas características, é o xeito mais lóxico de desprazarse no medio urbano, cando menos dentro dun radio de acción, dunhas distancias e tempos, razoábeis.

E a onde non chegue o modo peonil para ser o único, debe ter tamén unha participación importante combinado con outros modos de mobilidade.

A mobilidade peonil é a maneira mais san e natural de desprazarse en medio urbano cando as distancias e tempos necesarios non superen algún límite, por exemplo, 3 km ou corenta minutos.

Lograr que este tipo de desprazamentos se fixeran a pé, sería o factor decisivo para a mellora global da mobilidade urbana. En desprazamentos de mais distancia ou tempo, o modo peonil debe ser tamén unha compoñente decisiva, debe ser o eixe central da intermodalidade.

Os esforzos e a atención estiveron centrados, case que en exclusiva, na mellora, inalcanzábel e nunca alcanzada, do tráfico motorizado, deixando a problemática da circulación peonil totalmente abandonada. A consecuencia foron unhas vías urbanas inhóspitas e disfuncionais para os peóns, o que axudou de xeito decisivo a que se abandonara, mellor dito se restrinxira, a mobilidade peonil. Abandonar nunca, pois simplemente, non é posíbel; caso de selo, tal e como se trataron as vías urbanas, seguramente tivera sucedido, como así sucedeu coa mobilidade ciclista.

As beirarrúas de sección ridícula, as barreiras e rodeos inasumíbeis, os valados para recluír aos peóns, os desabridos pasos elevados e soterrados, a invasión das beirarrúas por parte de vehículos estacionados, que a iluminación estivese moitas veces dirixida á calzada deixando con mal visibilidade as beirarrúas,…., foron consecuencias deste plantexamento de fondo, desta prioridade absoluta concedida á mobilidade motorizada.

Por último, non hai que rebuscar moito nas hemerotecas para atestiguar que un pavimento para o tráfico rodado en mal estado é un problema público de transcendencia, mentres que un pavimento adicado ao fluxo peonil en mal estado case nunca ten esa relevancia. Outra síntoma: as obras son motivo de queixa permanente porque afectan ao tráfico rodado; o peonil, que é o que mais sofre coas obras, case nunca é mencionado.

A mobilidade peonil debe ter, cando menos, igual importancia que o rodado, tanto na normativa de aplicación como no deseño, sostemento e xestión das vías urbanas. Este é un grande reto tanto das administracións como dos cidadáns si queremos recuperar unha orde natural dentro dos distintos tipos de mobilidade: Hai que incorporar como unha variábel fundamental as necesidades dos peóns

Os principio de tratar en pe de igualdade os tráficos peonís e rodados deben ser levado á práctica con coherencia; de pouco serviría a aceptación do principio si as medidas concretas non acompañan.

Se sobre as características de deseño e sostemento das vías adicadas a peóns queda moito por mellorar, no concepto de fondo aínda mais. Difícil resulta dar unhas especificacións técnicas concretas para todas as variadas casuísticas, pero moi fácil establecer un principio claro e ecuánime: nas rúas nas que existan segregados tráficos peonil e rodado, o espacio, a superficie, adicada ás necesidades do tráfico motorizado, circulación e estacionamento, nunca debería pasar, salvo raras excepcións, que comentaremos despois, da metade do total. E debería entenderse como unha norma magnánima co tráfico rodado, pois os demais usos e ocupacións das vías terían que conformarse coa outra metade. As farolas de iluminación, as papeleiras, os contedores de refugallo, os bancos, os saíntes das fachadas, terrazas,…., inutilizan case 2 m transversais; se a maiores pensamos, caso de ser posíbeis, en carrís bici, ese mínimo do 50% substraído ao tráfico rodado pode deixar unhas vías para peóns bastante precarias. En todo caso, nunca menos de 2,50 m absolutamente libres, que veñen a ser arredor de 4 m brutos. Caso de que a sección do vial non sexa suficiente para beirarrúas deste tipo, a única alternativa é pasar a rúa a plataforma única, tráfico moi reducido e moi calmado, e preferencia peonil.

Os distintos tipos de mobilidade, especialmente a rodada e a peonil deben ter un tratamento ecuánime nas vías urbanas; a reserva para o tráfico rodado nunca debería superar a metade da superficie total das rúas

O asumido principio de “o estacionamento en superficie é un ben escaso que hai que repartir equitativamente” adoita levar tras de si unha secuencia de actuacións que poderíamos resumir en “unha vez ocupado todo o espacio público posíbel para estacionamento, este segue a ser escaso” e, polo tanto, violentando en favor do estacionamento nas vías públicas todos os demais usos e ocupacións dos espazos públicos, algúns deles con mais interese para a calidade urbana e para a mobilidade urbana. Indo á orixe, o plantexamento debería pasar a ser “o espazo público é un ben escaso e moi demandado que hai que repartir entre os distintos usos de xeito equitativo”.

O suposto dereito a estacionar en vía pública debe pasar a ser un uso mais entre os que hai na vía pública e perder o seu privilexio case monopolístico, mediante unha regulación dos usos dos espazos públicos ecuánime e que prime o interese colectivo sobre o individual

Existe un consenso universal en que o tráfico motorizado nas cidades provoca graves problemas e prexuizos: contaminación atmosférica e acústica, saturación das vías urbanas, conxestión, incomodidade severa, cando non imposibilidade, para outros tipos de mobilidade, …. Por outro lado, o automóbil forma parte da nosa civilización e foi un avance moi substancial; non sobra nin se pode prohibir en medio urbano; a solución terá que vir dun uso racional, ou sexa, unha alternativa mais matizada. Hai que buscar e atopar unha solución a tal dicotomía.

A cuestión central, a cuestión nodal será definir de modo razoábel, equitativo e asumíbel, o concepto de “necesidade” ou de “servizo necesario”. Ou sexa, fixar a liña que divida cando é necesario e, polo tanto, está xustificado e permitido, o uso da mobilidade motorizada, sobre todo a individual, e cando non é necesario, e, polo tanto, non está xustificado nin permitido circular nin estacionar no espazo público.

A compatibilización, o equilibrio entre o uso do coche nas cidades e a redución dos problemas que o seu abuso provoca, ven dada pola fixación clara, nítida, asumida socialmente e con solucións operativas do concepto de “necesidade”. O tráfico redúcese a intensidades asumíbeis e manexábeis

No tráfico dunha cidade, onde os imprevistos en forma de neno que se escapa, peón que se despista, coche que fai unha manobra incorrecta, freazos imprevistos, forzados ou non, …., permitir velocidades máximas que poidan provocar accidentes e que, caso de producirse, poidan ter unhas consecuencias funestas, é unha especie de ruleta rusa que se debería desterrar. Salvo excepcións, 30 km/hora parece axeitada; a redución de perigosidade e ruído son moi elevadas.

Pero o seu efectivo cumprimento é aínda moito mais importante. De nada vale un sinal con unha velocidade razoábel se, unha determinada porcentaxe, poñamos o 10 ou 15%, dos condutores non a respecta; posibelmente poida producir aínda mais perigo e ruído: adiantamentos arriscados, bocinas,… A realidade é que para garantir estas velocidades moderadas hai que recorrer, cando menos neste intre histórico, a elementos físicos de calmado de tráfico.

Por outro lado, a perigosidade das vías urbanas, a inseguridade vial non se pode medir só polo número de accidentes e de vítimas; a sensación de inseguridade non é tan tráxica como os efectos nas vítimas, pero deteriora de xeito moi grave a calidade de vida nas cidades e recorta a autonomía das persoas mais débiles, especialmente dos nenos que se ven expulsados da exploración e dominio autónomo do seu medio.

Hai que fixar velocidades máximas moderadas en todos os ámbitos urbanos nos que outros usos existentes poidan provocar accidentes e, sobre todo, facer que se cumpran estes límites coas medidas físicas necesarias

Cando se inicia un proceso de re-equilibrio dos usos dos espazos públicos urbanos, un re-equilibrio entre o modo de mobilidade peonil e o motorizado, hai unha reacción, en diferentes graos, que recorda aquela máxima do tardo-franquismo de que “podería haber democracia cando os españois estivesen preparados”.

É minoritaria a oposición frontal á este re-equilibrio de mobilidades; case sempre vai por argumentacións do tipo: “si, pero cando haxa estacionamento”, “si, pero cando haxa consenso”, “si, pero cando mellore o transporte público”, cando.., cando…, cando… O modo de mobilidade privilexiado, o motorizado individual, resístese a perder as súas prebendas aínda que sexa en aras dun reequilibrio, dunha mellora xeneralizada tanto da mobilidade como da seguridade e da calidade urbana.

A recuperación da mobilidade peonil, o re-equilibrio entre as diversas formas de mobilidade, non pode nunca condicionarse a futuros ou a outras actuacións. Estaríamos demorando sen horizonte temporal a solución a un problema acuciante

En Pontevedra, o proceso de implantación está moi avanzado, xa toda a cidade ten limitada a velocidade máxima a 30 km/hora coas barreiras físicas correspondentes. Os principios e conceptos claros, e a coherencia na aplicación, levaron a bo porto o proceso; o avanzado do proceso permiten extraer conclusións, moitas definitivas e outras moi claras, aínda que non estean aplicadas na súa totalidade.

A calidade urbana e a calidade da mobilidade peonil e ciclista son moi elevadas, e isto, sen facer ningunha restrición ao funcionamento da cidade. Ao contrario, a cidade resulta mais atractiva e segura e funciona mellor; toda persoa que “necesita” circular para desprazar mercancía ou pasaxeiros ten moitas mais facilidades que na situación previa.

No Estudo de Mobilidade de 2011, do total de desprazamentos urbanos, os dous terzos son peonís, e aínda así, o volume de desprazamentos en coche dentro da cidade pode seguir reducíndose, en favor do peonil, porque segue a haber moita circulación, cada vez menos, pero aínda moita, que non cumpre ningunha das razóns que se poden aceptar como válidas e, polo tanto, ser incorporada ao concepto de “necesidade”.

Por outro lado, os índices de sinistralidade son baixísimos, especialmente entre os peóns; ningún morto nin ningún ferido grave nas zonas tratadas en 13 anos.

A mellora da calidade urbana, da mobilidade urbana e da seguridade son enormes cando se actúa segundo os criterios antes descritos.

Priorizando nidiamente a mobilidade peonil, coa conseguinte e necesaria restrición do tráfico rodado, actuando sobre o estacionamento, e establecendo o concepto de “necesidade”, as intensidades de tráfico motorizado vólvense manexábeis, o transporte público en superficie deixa de ter problemas, e a mobilidade ciclista vólvese cómoda tanto coexistindo na calzada co tráfico calmado como polos paseos e beirarrúas.

Somos conscientes de que cada cidade ten o seu tamaño e as súas características diferentes, pero non vemos ningunha razón convincente para que estes principios de actuacións non sexan válidos en todas as cidades. Como moito, habería que sectorizar as cidades de tamaños grandes e tratar zonas urbanas concretas delimitadas polo viario principal, ou sexa, o que ten funcións inter-zonais; pero zonas amplas, consistentes, e sen estrangulamentos nas interseccións con estas vías parcialmente excepcionadas.

A nosa experiencia amosa que a solución á mobilidade e a seguridade urbana ven polo camiño de dar a primacía absoluta a mobilidade peonil entre todos os tipos de mobilidade urbana

Nunha reportaxe sobre “A que soan as cidades”, nas amplísimas zonas de Pontevedra tratadas con estes criterios, a conclusión a que chegaron os autores foi que os sons dominantes en Pontevedra son os trinos dos paxaros e as voces dos nenos. Pode parecer idílico, bucólico, estraño e irreal, pero o certo é que así resulta ser na realidade; o que sorprende aos visitantes afeitos a outros ambientes urbanos é o predominio dos sons citados ou, cando non soan nin nenos nin paxaros, o escaso ruído ambiente.

As vantaxes en canto a calidade urbana e a seguridade vial son tan evidentes, profundas e contrastábeis, que compensan con moito o esforzo e removen as posíbeis reticencias iniciais. Estamos convencidos de que este é o camiño para a mobilidade e a seguridade nas cidades, de que a solución só poderá vir dunha clara primacía, que non exclusividade, da mobilidade peonil en ámbitos urbanos.

O Metrominuto

Móvete

...

O Pasominuto

Móvete || Pasominuto

...

Publicacións

Especial da Voz (Cidade amable)

Camiñar resolve (gal e esp)

Bus & Car