O calmado do tráfico trouxo consigo a disminución xeralizada da violencia viaria. Cúmprese o obxectivo ideal de toda política de prevención da sinistralidade coa cifra de cero mortos desde 1999 nos espazos que se ían incorporando ao novo sistema de mobilidade.

Con menos coches nas rúas, con sistemas de prevención da violencia viaria, o resultado é unha ampla percepción da seguridade, respaldada polos datos de sinistralidade. Dos 69 atropelos de 1998 pasamos a 4 en 2013, con consecuencias moito menos graves. En canto aos accidentes con consecuencias graves para as persoas pasaron de 129 no ano 2000 a tan só 12 no 2015.

A metade dos que son atropelados a 50 km/h morren. Se o coche vai a 60, xa morre o 80%. Pero a 30 km/h só morrerán 5 persoas de cada cen. E grazas aos lombos salvavidas e ao deseño urbano pensado para o peón, conseguimos estes resultados.

Percepción da seguridade

A propia configuración física das rúas e prazas de Pontevedra, así como a prioridade peonil no conxunto da cidade fai que se perciba como unha cidade segura. En canto á mobilidade infantil, rexístranse datos curiosos, pois algúns pais e nais destacan o pendentes que teñen que estar dos seus nenos cando visitan outras cidades.

Bicis

Tamén para as bicis resultan interesantes estes datos de seguridade, xa que con eles e coa configuración xeral do espazo público, síntense libres de participar no conxunto da mobilidade en boas condicións de seguridade.