Pontevedra é, dende 2011, a primeira cidade coa velocidade limitada a 30 km por hora en todas as vías do seu territorio urbano, unha medida xa recollida na ordenanza municipal de uso dos espazos públicos de 2009.

Algunhas zonas concretas teñen a velocidade aínda máis reducida: a 20 km/h. Son espazos nos que se rexistran altas afluencias de público infantil, tanto no acceso a colexios próximos, como nas zonas de xogo ou de paso de persoas.

Lombos, rotondas

Estas medidas normativas compleméntanse sobre todo con outras de infraestruturas:

  • Máis de 230 pasos de peóns sobreelevados. Estas mesetas, chamadas popularmente “lombos”, permiten dar continuidade ás beirarrúas, indicando ao conductor do automóbil que é él quen “invade” o espazo do peón, e non ao revés.
  • As 35 rotondas de distinto radio que se foron construíndo por toda a cidade, como elementos organizadores do tráfico nos cruces e para moderar a velocidade nos treitos que o precisaban.
  • Unha grande parte das rúas da cidade foron reformadas recentemente con criterios restritivos para o uso violento e ameazador do automóbil, reducindo a anchura dos carrís de circulación ao mínimo imprescindible para unha condución prudente.

Mellora da velocidade media

Cando a velocidade máxima era de 50 km/h, a velocidade media dos automóbiles que circulaban pola cidade era de 11,49 km/h. Nas circunstancias actuais (cidade 30, redución da densidade do tráfico, calmado do tráfico, etc.), a velocidade media é de 20,83 km/h; considerablemente máis elevada.

Tamén no rural

As vías do contorno rural que dependen da administración municipal tamén teñen limitación a 30 km/h e moitas delas xa dispoñen de lombos para o autocontrol da velocidade. O obxectivo é ir completando os medios de prevención dos sinistros a través do calmado do tráfico a motor, especialmente nos núcleos de centralidade esparexidos por todo o territorio.

Stop violencia viaria

Toda esta política encádrase dentro das medidas de calmado do tráfico activadas en toda a cidade para lograr a mitigación da violencia viaria. Un accidente provocado por un automóbil que circule a 30 km/h ten consecuencias moito menos graves que o mesmo accidente a velocidades de 50 ou 70 km/h.