A redución do tráfico a motor vense facendo patente dende que comezou a reorganización integral da cidade, en 1999, coas primeiras peonalizacións.

Ao circular menos coches, van máis lixeiros (aumenta a velocidade media), polo que o tempo que tardan en chegar ao seu destino é máis curto.

Un estudo realizado en 2014 comparou as estimacións de consumo de combustible dese ano coas rexistradas en 1996 (cando se realizara un estudo global do tráfico a motor na cidade). O resultado foi que a porcentaxe de aforro no conxunto da cidade acadou o 64,8%, e que ascendía ata o 87,6% no centro.

Media tonelada por habitante

Traducindo ese aforro enerxético para cada cidadán de Pontevedra, reducíronse as emisións en 464,5 kg por ano, o que supón máis de 1,25 kg ao día, unha boa colaboración na loita contra o cambio climático.

Menos coches, máis rápido e máis barato

Dos coches que en 1999 entraban na cidade, o 83% dirixíase ao centro. Hoxe tan só é o 9%. Eses coches tardaban, por termo medio, 36 minutos en parar e hoxe tardan só 17 minutos.

Dos 52.000 vehículos que cada día se puñan en marcha dentro da cidade para realizar desprazamentos interiores, hoxe son só 17.000. Antes, estes vehículos tardaban uns 18 minutos en parar de media; hoxe, 7 minutos.