Antes da invasión dos coches, a partires dos anos 50 do pasado século, as rúas eran básicamente espazos de convivencia nos que decorría boa parte da vida colectiva e dos contactos entre a xente. A cidade combinaba funcións comerciais, residenciais e ata industriais sen ningún problema.

Posteriormente, as rúas da cidade foron enchéndose de coches e incluso moitos espazos históricos que non foran concebidos para utilizar o automóbil, saturáronse deles. Unha grande cantidade de vehículos invadiron as rúas e prazas, convertíndoas en lugares de paso e garaxes ao aire libre (dereito a aparcar).

Cando alguén merca un coche, non está mercando o dereito a privatizar un anaco de rúa, ese espazo tan necesario para todas e todos que resulta imprescindible para pasear, trasladarse, mercar ou desenvolver calquera outra actividade urbana.

Pulo económico

A cidade sen coches resulta máis rendible para a actividade económica, xa que permite acceder con comodidade a todas partes, dar visibilidade aos escaparates, instalar veladores na rúa ou gozar dun ambiente máis san e agradable. Isto fomenta o desenvolvemento da economía terciaria (comercial e de servizos) que non sempre é entendido por todos.

Son moitos os empresarios e profesionais que nun primeiro momento se posicionaron en contra do modelo peonil e hoxe defenden esta forma de mobilidade como a máis acaída para unha cidade. Hai numerosos comerciantes nas rúas da cidade que non están dentro do circuíto peonil e reclaman a peonalización ou o calmado do tráfico, para que así aumente a súa calidade de vida e se modernice o seu negocio.

Eventos e festas

Un espazo público básicamente peonil como o de Pontevedra permite a celebración constante de festas e outros eventos, de moi doada realización nos grandes espazos ganados para a cidadanía, que axudan a visibilizar a economía de servizos, pois achegan con moita frecuencia gran cantidade de público á zona central da cidade.

Estes eventos non supoñen cambios traumáticos para a mobilidade e o funcionamento da cidade, aínda que sexan tan intensos como a Feira Franca, a Peregrina ou calquera campionato deportivo internacional dos que habitualmente se celebran en Pontevedra.

Cada vez máis espazo

Conseguir espazo público foi un traballo progresivo dende 1999, que comezou coa peonalización dun Centro Histórico no que aparcaban a diario uns 500 coches, impedindo así o desenvolvemento de calquera outra actividade e incrementando o risco de crear barrios marxinais.

Despois foron integrándose na área peonil espazos centrais de actividade comercial, expandíndose logo como unha mancha de aceite. Paralelamente, realizáronse transformacións nos eixos de comunicación básicos que conectaban o centro coas estacións de transporte colectivo ou co río Lérez. Así mesmo, foi reorganizándose a mobilidade, recuperando grandes espazos para as persoas.

Como é cada rúa?

A tónica xeral indícanos que as rúas máis estreitas foron peonalizadas na súa totalidade. As que medían entre 8 e 10 m de ancho foron dotadas de plataforma única, con réxime peonil e tráficos a motor para servizos únicamente. As que tiñan entre 10 e 14 m dotáronse dun carril de circulación, beirarrúas anchas e un carril para aparcar por tempo limitado e facilitar os servizos. Nas que se contaba con máis de 14 m de ancho repartíronse os espazos máis equitativamente: beirarrúas amplas, zonas de estacionamento de servizos e dous carrís de circulación.