A cidade integradora. Ese foi un dos principais obxectivos da reforma urbana, que está prácticamente conseguido en todo o espazo público de Pontevedra. Partindo dun enfoque global, a accesibilidade para facilitar unha vida independente a todas e todos constituíu un eixo fundamental de toda a transformación.

Se a obra sen barreiras serve a quen máis dificultades ten para camiñar (persoas usuarias de cadeiras de rodas, persoas de máis idade, nais e pais con carriños de bebé, etc.), tamén serve para todos os demais, que entre rampas e escaleiras adoitan utilizar as rampas.

Probando as obras

Na primeira fase da reforma urbana, cando os técnicos aínda non estaban moi familiarizados coas características destas obras, eran os membros da asociación Amizade os que probaban o resultado antes de recibilas como aptas. Así, as rampas e as plataformas únicas, que facilitan a vida a tanta xente, teñen unha resolución moi acaída.

Alumeado

Ademais da propia configuración da rúa ou praza, ten unha importancia básica o alumeado público, pensando especialmente nas persoas maiores ou nas que teñen algún tipo de dificultade visual. O alumeado potenciouse en toda a cidade, tanto nos espazos estritamente peonís como nos de utilización mixta. Nalgúns puntos, reforzáronse as intensidades de luz sobre pasos de peóns.

Sendas accesibles

A cidade é o epicentro de varias sendas accesibles para todo o que teña ou desexe valerse dunhas rodas para desprazarse. Todas as que parten da capital, agás a do río dos Gafos, son operativas con rodas. Tanto os parques do Miradoiro e da Alameda como a Senda do Lérez e as que compoñen o conxunto hídrico da Xunqueira de Alba poden cubrirse de principio a fin en boas condicións de accesibilidade. Así mesmo, todo o paseo litoral entre a cidade e o río (eixo Bos Aires – Uruguai – Corbaceiras – Av. de Marín) pode percorrerse sen impedimento ningún.