Un modelo admirado

Premios e recoñecementos que posicionan Pontevedra no mundo e a toman como exemplo de cidade contemporánea.

ONU Hábitat

Nairobi-Dubai (2014)

A un modelo urbano transferible, pensado para todas as persoas. Houbo 4.500 candidaturas de 195 países, das que 406 chegaron á primeira selección en Nairobi. A Dubai chegaron 50, das que se elixiron 6 como mellores prácticas en todo o mundo para promover a calidade de vida.

Center for Active Design

Nova York (2015)

Un instituto relacionado coa Fundación Bloomberg Philantropies, dedicado a fomentar o deseño urbano saudable, loitar contra o sedentarismo e conseguir espazos integrais máis ecolóxicos e sustentables. Toma como exemplo a Pontevedra para a xestión medioambiental das cidades.

Intermodes

Bruxelas (2013)

Á intermodalidade con base peonil. Recoñecer que camiñar tamén é un medio de transporte foi o mérito que viu este instituto que colabora coa UE en materia de transporte intermodal. Tras comprobar que ninguén daba demasiada importancia a desprazarse a pé, observaron que a nosa cidade era un exemplo de grande interese.

Cidades que camiñan

Torres Vedras (2015)

Premio deste grupo de cidades e provincias da península ibérica que promoven a mobilidade a pé e que outorgaron este premio polos avances que Pontevedra presenta neste eido.

Cidade de Pedra

O Porriño (2006)

O primeiro recoñecemento que se outorgou á cidade procedeu da Asociación de Graniteiros de Galicia, que se fixaron na reforma urbana pontevedresa e na súa maxistral utilización do granito para a restauración e a revitalización dos espazos públicos.

Cermi

Madrid (2007)

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade agrupa a todas as entidades territoriais do Estado relacionadas coas dificultades de accesibilidade. O premio a Pontevedra recoñece o enorme esforzo realizado nos espazos públicos.

Pontevedra estivo presente no Cumio do Clima de París con alcaldes de todo o mundo que se autoimpuxeron a obriga de reducir as emisións de gases nocivos.

Mobilidade intelixente

Hong-Kong (2015) e Shenzhen (2016)

Premio Euro-China á Mobilidade Urbana Intelixente outorgado pola asociación francesa Prospective et Innovation, para distinguir ás iniciativas urbanas de mobilidade intelixente. Pontevedra foi premiada na categoría de Deseño urbano / Planicación Urbana, centrada nas experiencias de novas cidades, eco-distritos e zonas de baixas emisións contaminantes.

Seguridade viaria

Córdoba (2011)

O Encontro Cidades pola Seguridade Viaria celebrado en Córdoba en febreiro de 2011 baixo os auspicios da DGT e as entidades de tráfico de Cataluña e Euskadi, ademais da Federación Española de Municipios e Provincias. Outorgouse o premio deste encontro á cidade de Pontevedra polo seu modelo de mobilidade sostible e a redución da violencia viaria, xa que foi a mellor actuación urbana en materia de seguridade viaria.

Nacional da Cultura Galega

Santiago de Compostela (2008)

Instituídos pola Xunta de Galicia, outorgaron o seu primeiro galardón á experiencia pontevedresa de reforma urbana, especialmente referida á revitalización do Centro Histórico e a súa restauración integral, seguindo un modelo de cidade activa e de futuro.

Fesvial

Madrid (2010)

Unha organización que vela pola seguridade viaria e da que forman parte dende entidades aseguradoras e académicas ata organismos do Estado. As baixas cifras de sinistralidade rexistradas en Pontevedra fixérona merecedora desta distinción.

Difundir a experiencia

Son numerosísimas as demandas de participación en congresos e reunións sobre os máis variados temas da xestión urbana, tanto a nivel galego como peninsular e europeo en materias como a mobilidade urbana, a seguridade viaria, o modelo urbano, a accesibilidade, a mobilidade infantil ou a reforma urbana.

Ao longo dos últimos anos, a participación de Pontevedra en eventos relacionados coa mobilidade foi intensa. Esta é unha relación dos máis importantes, nos que se expuxo o modelo de cidade:

  • Lisboa. Encontro pola Accesibilidade Urbana promovido polo goberno portugués
  • Xixón. I Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria
  • Aveiro. Congreso “Cidade e Accesibilidade”
  • Córdoba. II Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria
  • Múnic. Walk21. Cidade convidada a asinar a Carta das Cidades que Camiñan
  • Roma. Encontro sobre “Cidade e Infancia” do Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione
  • Sevilla. I Congreso Cidades que Camiñan
  • Madrid. Congreso sobre seguridade viaria e smart cities da DGT
  • Florencia. ECONN. O principal congreso técnico europeo sobre mobilidade
  • Nova York. FitCity10. NY Academy of Medicine
  • Torrevieja. III Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria
  • Hong-Kong. Euro-China Association Smart City Mobility Seminar
  • Almada. Encontro de Cidades Educadoras
  • Torres Vedras. Encontro da Rede de Cidades que Camiñan
  • Shenzhen. Euro-China Association Smart City Mobility Seminar
  • Beijing. CFLD Technical Meeting

Cidades como Jaca, Barcelona, San Sebastián, Segovia, Porto, Guimarães, Bilbao, Puerto del Rosario ou Valladolid achegáronse ao modelo pontevedrés como obxecto de estudo ou valoración, para aplicalo íntegramente ou en parte nas súas respectivas cidades.

Outras moitas achegáronse a Pontevedra a coñecer o modelo, entre elas moitas portuguesas, como Guimarães ou Torres Vedras, entre outras. Tamén houbo delegacións de Santiago de Compostela, Ferrol, Carballo, Puerto del Rosario, os representantes de Intermodes, da DGT, do Grupo de Mobilidade Infantil do Centro Nacional de Educación Ambiental de Valsaín (Segovia), etc.

Un libro da Fundación Pons, especializada en mobilidade responsable, elixiu Pontevedra para editar o seu primeiro volume.

Pídeo á editorial ou na túa libraría.