Unha cidade sa
As cidades son os ecoespazos máis utilizados polos seres humanos, polo que coidar o seu medio ambiente é importantísimo, xa que é co que estamos máis en contacto. Unhas rúas sen demasiados coches significan unhas rúas sen demasiados fumes e ruídos, con máis espazo libre para as persoas, con máis posibilidades de lecer. As rúas convértense en foros sans para o intercambio de experiencias, recuperando o concepto da cidade como lugar de encontro.
Sendas
O modelo urbano complétase cunha ampla rede de sendas que aproveitan os preciosos valores naturais que nos rodean. Vida natural a poucos minutos da cidade para gozar dos escenarios fluviais e forestais tan xenerosos da nosa terra. Ademais das tres sendas que parten da capital (seguindo os ríos Lérez, Rons e Gafos) existen outras como o Pontillón do Castro, o Almofrei, Pontesampaio, A Fracha ou Salcedo.
Pasominuto
Un mapa de rutas que mide os itinerarios en pasos, metros, minutos e calorías para favorecer a saúde física da cidadanía e conseguir comportamentos activos e saudables para os camiñantes de todas as idades.
Ruído
Os pontevedreses e pontevedresas non precisan medidores de ruído para experimentar as sensacións máis agradables: música na rúa, nenas, nenos e paxaros son os sons predominantes na maior parte da cidade. Ogallá tamén puidesen gozar deste privilexio noutras urbes.
Biodiversidade
Potenciar a biodiversidade e mitigar a abafante presenza das plantacións de eucaliptos axúdanos a achegarnos a un medio natural máis san. Un estudo cifrou en 223 as especies de árbores da cidade.
A edición de material divulgativo sobre o patrimonio natural, sobre parques, aves ou as distintas parroquias tamén forma parte da dimensión educativa e cultural dun modelo integrador baseado no coñecemento e na autoestima.