Accesibilidade
As plataformas únicas e os lombos son os principais recursos para mellorar a circulación das persoas con dificultades. É fundamental dispoñer de beirarrúas anchas ou de rúas con poucos coches para incrementar a facilidade de circulación. Todas e todos temos dereito a unha vida independente.
Os lombos teñen tamén unha dimensión psicolóxica: cando o paso de peóns non ten lombo, é o peón o que “baixa” ao espazo do automóbil. En troques, cando hai un lombo, é o coche o que “invade” o nivel peonil.
Seguridade
O alumeado público e o resto do mobiliario urbano son imprescindibles para acabar unhas boas condicións de seguridade, pois contribúen a crear espazos nos que se cumpre o obxectivo de que o público (a rúa) sexa a continuación do privado (a casa de cada un).
Tanta vida
Unha das razóns de que Pontevedra sexa unha cidade segura é a enorme vitalidade que se percibe nas súas rúas e prazas. Tanto os desprazamentos das persoas (a pé ou en bici) como as terrazas de hostelaría e as múltiples actividades que teñen lugar nos espazos públicos axudan a manter un clima de seguridade. Atrás quedan os episodios de marxinalidade que enchían algunhas zonas do Centro Histórico.
A importancia da festa
A programación festiva responde únicamente ás demandas de xoldra e ocio. Ten unha grande repercusión económica para o sector servizos e a hostelaría. As festas e eventos estimulan o sector terciario e incrementan o atractivo da cidade para a xente que vén de visita.
Tamén o deporte ten unha enorme importancia como dinamizador socioeconómico e como estimulante persoal. A cultura física, un espíritu saudable e o efecto multiplicador de visitas xustifican que pague a pena aproveitar as magníficas condicións de Pontevedra como escenario deportivo.
Cidade compacta
Conseguir que Pontevedra continúe a ser unha cidade compacta fará posible unha xestión sustentable do territorio. Este é xeito de aforrar enerxía e de axudar a que o planeta se mova nunha dirección máis ecolóxica e saudable.