CENTER FOR ACTIVE DESIGN

Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que promociona a saúde a través da arquitectura e dunha planificación urbanística centrada nas persoas. O deseño de edificios, rúas, espazos públicos e barrios ad hoc pode promover a mobilidade a pé, a actividade física e a interactividade entre cidadáns, para así combater a obesidade e as enfermidades crónicas que leva asociadas, que constitúen unha auténtica epidemia entre a poboación estadounidense e van en ascenso en distintas partes do mundo. Entre os promotores desta asociación están o ex alcalde de Nova York, Michael Bloomberg, e o departamento neoiorquino de saúde.

www.centerforactivedesign.org

PREMIO

Leadership in Active Design: Excellence Award concedido polo Center of Active Design, que recoñece a Pontevedra como pioneira dun deseño urbano centrado nas persoas que promove hábitos de vida saudable. A ONG distingue a excelencia doutros dez proxectos: un de Istambul (Turquía) e os outros nove de Estados Unidos, pero sitúa como gañadora absoluta á cidade de Pontevedra.

http://awards.centerforactivedesign.org/

PROXECTO

COORDINADORES.

  • Miguel Anxo Fernández Lores, médico de familia e alcalde de Pontevedra.
  • José Gómez Viñas, enxeñeiro civil e funcionario municipal.
  • Daniel Macenlle Díaz, avogado e intendente principal da Policía Local.
  • César Mosquera Lorenzo, profesor de Matemáticas, pedagogo e vicepresidente da Deputación de Pontevedra.
  • Anxo Velando, arquitecto e funcionario.
  • Jesús Asser Fole Osorio, arquitecto.
  • Xosé Manuel Tato Camiño, avogado e funcionario.
  • María do Carmen Abeledo Márquez, enfermeira.
  • Antón Prieto, responsable de comunicación.
  • Carme da Silva Méndez, química e concelleira.
  • Luís Bará Torres, filólogo e concelleiro.

FILOSOFÍA. Devolver a cidade aos cidadáns, a todos, sen distinción de idade, condición física ou nivel de mobilidade, para que a ocupen, a fagan súa e a defendan. Un fío condutor que ten os seus eixos básicos, na priorización do peón e na aposta por mellorar a calidade de vida urbana, a cohesión social e a promoción do medio ambiente.

OBXECTIVOS. Pontevedra é unha cidade de 83.000 habitantes, cabeceira dunha comarca de 250.000 e capital dunha provincia de 960.000. O núcleo urbano central e compacto ten unha poboación que ronda os 51.000 habitantes, mentres que os demais residen nas quince parroquias que integran o municipio. No ano 1999 púxose en marcha un proceso de transformación cuxo fin era converter a Pontevedra nunha contorna amable, saudable e de alta calidade urbana, feita á medida das persoas. Unha transformación que hoxe xa é unha realidade e na que se segue avanzando.

Os obxectivos estaban claros: priorizar aos peóns e garantir a súa seguridade; reducir o volume do tráfico e o uso do automóbil ao estritamente necesario; reducir a contaminación (atmosférica, sonora, lumínica) todo o posible; ampliar as zonas verdes; fomentar a autonomía das persoas facendo fincapé nos nenos e nenas, nos maiores, nos discapacitados e na xente con mobilidade reducida; promover os hábitos saudables e fomentar a cohesión social.

Para alcanzar estes obxectivos adoptáronse medidas concretas de acougado de tráfico (velocidade máxima limitada a 30 km/h en todas as vías urbanas, plataformas únicas, pasos de peóns elevados, glorietas para redistribuír o tráfico, estacionamentos de balde). Tamén se gañaron espazos públicos aos coches e se habilitaron ata 40 km de sendas peonís para o goce cidadán. Ademais, saneáronse os ríos do municipios e potenciáronse as actividades na rúa. O aumento da actividade física e a redución da carga contaminante (lumínica, sonora e de gases á atmosfera) mellora a calidade de vida e a saúde de todos. Precisamente para sensibilizar aos cidadáns sobre os beneficios de camiñar e da actividade física créanse, edítanse e difúndense os chamados Metrominuto e Pasominuto, mapas que sinalan rutas peonís detallando, no primeiro caso, distancias e tempos e no segundo, ademais, as calorías que se queiman ao seguir cada circuíto.

XESTIÓN. O deseño e posta en marcha dun modelo de cidade centrado nas persoas, na priorización do peón e na aposta dunha convivencia respectuosa e pacífica destes cos ciclistas e automobilistas desenvolveuse co lastre de non ter un espello no que verse reflectidos, xa que non existen referentes ou experiencias previas similares. Os promotores da iniciativa atoparon nun primeiro momento resistencias entre unha poboación que, na súa maioría, aproba e defende a cidade amable, saudable, cohesionada e inclusiva na que se transformou Pontevedra.

A resistencia inicial tivo moito que ver co medo ao descoñecido. Isto explica que moitos pontevedreses que, ao entrar no século XXI viron con receo a peonalización do casco histórico e a restrición do tráfico en amplas zonas da cidade, sexan agora defensores dunha Pontevedra na que o cidadán é o protagonista absoluto. O tamaño reducido da vila garante a proximidade de todos os servizos e a ocupación dos espazos públicos polas persoas, arroupa ao pequeno comercio, un dos alicerces da economía local que tamén é consentido por unha administración que impide a instalación de grandes establecementos comerciais. Aínda así, persiste unha minoría de detractores do actual modelo urbano, integrada por aqueles que defenden como un dereito o uso do automóbil por enriba de todo e de todos.

RESULTADOS. Un de carácter xeral: a cidade volveu ser dos cidadáns, que a ocupan e reivindican como súa. Ademais, entre agosto de 1999 e decembro de 2014, periodo que valora o premio concedido polo Center for Active Design de Nova York, pódense concretar numerosos cambios. En canto á mobilidade saudable: o 67% dos desprazamentos da cidade fanse a pé e o 5% en bicicleta. A promoción desta modalidade de desprazamento segue a ser unha asignatura pendente.

Respecto ao tráfico, reduciuse un 30,10% no casco urbano e ata un 70% no centro, o que se traduce nunha caída do 66% nas emisións de CO2 en xeral e de ata o 88% no centro. Isto explica, en grande medida, que a calidade do aire que se respira en Pontevedra cumpra os requisitos máis esixentes da Organización Mundial da Saúde.

A restrición de coches e as medidas de acougado de tráfico explican o éxito dos chamados Camiños escolares seguros polos que transitan o 81% dos nenos e nenas para ir ao colexio e regresar á casa, máis da metade deles sen necesidade de supervisión por parte dun adulto. Así mesmo, os pequenos aproveitan para xogan habitualmente nas prazas e rúas despois de saíren de clase.

A seguridade viaria no casco urbano é moi alta. De feito, non se rexistran mortos por accidentes de tráfico nos últimos quince anos, e dos 69 atropelos rexistrados en 1998 pasouse a tan só 4 no ano 2013.

Retirados do centro urbano os vehículos e os seus atascos, en Pontevedra os sons dominantes son hoxe os dos nenos e os dos paxaros. Os pequenos xogan nas rúas e prazas e os adultos ocupan os espazos públicos urbanos, accesibles en máis dun 90% dos casos.

Mellorar a calidade do aire e o coidado da contorna permite que en Pontevedra haxa ata 223 especies diferentes de árbores, e que se vexan londras nos seus ríos. A presenza de macroinvertebrados constitúe un indicador fiable da boa calidade ambiental.

Translate »