A liberación do espazo público dos coches que o invadían supuxo un antes e un despois para a mobilidade infantil, tanto no que ten que ver coa súa actividade ordinaria, como ao asistir ao colexio. A cidade tiña que se converter nun espazo educador en si mesmo. Aos nenos e nenas non só hai que protexelos, senón incorporalos á vida urbana en plenitude de dereitos.

Unha das fontes teóricas das que bebeu o novo modelo de cidade foi a obra de Francesco Tonucci A cidade dos nenos, que vén dicir que facendo unha cidade que teña en conta aos máis pequenos, faise unha cidade máis xusta para todos os demais.

Facilitar os movementos libres dos nenos, o xogo, o uso do espazo público, os traslados a pé, etc. son obxectivos que só poden realizarse liberando á cidade da ameaza que supón a invasión dos automóbiles.

Pontevedra xa forma parte das cidades amigas da infancia da Fundación Meniños, e está integrada na rede internacional Città dei Bambini impulsada por Tonucci.

Policía Local

Este corpo policial é o organizador deste sistema de mobilidade infantil, que planifica e difunde os datos de apliación e resolve todas as dúbidas que plantexa a comunidade escolar, da que son interlocutores. Así mesmo, realiza unha vixilancia do sistema e pon en marcha os mecanismos de prevención cando é preciso.

Estas accións forman parte do sistema de educación viaria da Policía Local, que difunde entre os escolares a información máis relevante sobre a mobilidade urbana.

Camiño Escolar

Baixo esta denominación funciona un plan municipal e escolar que persegue que os nenos e nenas vaian sos ao colexio, sen acompañamento dos adultos, aproveitando as favorables condicións de seguridade viaria que ofrece a cidade.

O plan leva varios anos funcionando, tanto no centro da cidade como en Monte Porreiro, con resultados moi positivos: o 81% dos nenos entre 7 e 12 anos vai camiñando ao cole, máis da metade sos.

O obxectivo último do Camiño Escolar é que toda a cidade sexa un Camiño Escolar constante e continuo, e que os nenos fagan cada día os itinerarios que lles apeteza sen problema.

Un dos aspectos máis chamativos do modelo, solicitado polos pais, é ubicar nos principais cruces de rúas a persoas que axuden aos nenos e nenas a cruzar. Na urbanización de Monte Porreiro existe un sistema de voluntariado entre adultos para prestar este servizo.

Escolas e comercios

O desenvolvemento do Camiño Escolar foi consensuado coa comunidade escolar, nun proceso participativo no que tomaron parte especialistas do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental), expertos en mobilidade e membros da Policía Local, así como pais e nais de alumnos, profesores e os propios escolares.

Tamén os comercios teñen un protagonismo especial, xa que calquera neno ou nena que se atope en dificultades pode acudir a un dos moitos establecementos que exhiben un sinal coa imaxe do Camiño acompañado das palabras “Aquí axuda”. En caso de necesidade, alí poden chamar ao colexio ou á Policía Local para informar do incidente.

Consello dos nenos e nenas

Funciona cun proceso participativo entre o alumnado, que expón as súas ideas sobre a cidade nunha xuntanza anual ante os responsables policiais e o alcalde ao que acoden mozos de cada un dos centros de ensino da cidade.

Cada intervención dos nenos e nenas suscita unha resposta dos responsables técnicos e políticos que, á súa vez, inspiran a xestión urbana nas impresións extraídas destas frutíferas xuntanzas.