Esta frase define para moitos a auténtica aportación de Pontevedra como espazo experimental destinado a conseguir un modelo alternativo de cidade. Pero non é exactamente o que revela o seu significado. En Pontevedra hai coches, pero só os necesarios.
Demos demostrado que o número de coches necesarios para que a cidade funcione é moi inferior ao que se adoita pensar.
Urxencias, abastecementos comerciais e hosteleiros, accesos a garaxes, accesos a espazos comerciais para trasladar obxectos voluminosos, traslado de persoas con dificultades de mobilidade… a cidade ten que garantir o seu dinamismo e comodidade para a xente que vive e traballa nela.
Rematar co aparcamento indiscriminado nas rúas é unha das claves para mitigar o exceso de coches.
As prioridades
Nos modelos convencionais de cidade, a maior parte da atención á mobilidade lévaa o automóbil particular. A peor parte lévaa o peón.
En Pontevedra invertimos esa pirámide, situando no cumio ao peón (a pé ou en cadeira con rodas), seguido das bicis, o transporte público e, por último, o coche particular.
Tipos de tráfico
Poden considerarse tres tipos de movementos:
- De destino. Coches que van a garaxes ou lugares concretos.
- De paso. Coches que circulan polas rúas só para acceder a outras rúas ou chegar a outros destinos.
- De éxtase. Coches que circulan só en procura de aparcamento; sempre escaso no modelo convencional.
A nova mobilidade baséase en potenciar os tráficos de destino, evitando os de paso e de éxtase con medidas activas que sirvan para disuadilos.
Stop atallos
Unha das medidas máis eficaces é a de evitar os atallos que sirvan para cruzar a cidade ou un barrio concreto. No centro histórico, por exemplo, poden circular os coches de destino, pero entran e saen case polo mesmo lugar, sen que se poidan realizar itinerarios que aforren tempo aos usuarios, o que disuade o seu uso como atallo.
Sistema de aparcadoiro
Rematar co aparcadoiro indiscriminado en todas partes permite evitar o tráfico de éxtase, ou de procura de estacionamento. A maioría das rúas do espazo central que permiten aparcar nas súas beiras teñen un réxime de servizos, que funciona gratuítamente (sen a ORA) e está telecontrolado pola Policía Local.
Existen unhas 3.500 prazas en aparcadoiros gratuítos no borde da cidade, a só 10 minutos camiñando do centro urbano. Tamén existen unhas 4.500 prazas en aparcadoiros subterráneos de pago.
Repartos
Existen horarios amplos para realizar repartos comerciais nas zonas peonís, tanto de mañá como de tarde.