Baixo o título “Mobilidade intelixente, economía forte” convocouse a edición de 2016 da Semana Europea da Mobilidade, co obxectivo de reforzar os aspectos socioeconómicos da mobilidade responsable.
A base peonil da cidade de Pontevedra trouxo como consecuencia un desenvolvemento máis acaído das economías terciarias, aquelas que teñen lugar dentro do contorno urbano. Unha cidade de vocación administrativa e de servizos como Pontevedra tiña que ofrecer resultados positivos, pese ás reviravoltas que a economía xeral deu durante os últimos anos, especialmente dende 2008 (crise económica xeral, substitución de asalariados por autónomos, reestruturación de sectores como o financieiro ou o da construción, freazo á contratación na administración pública, etc.).
Comparando os empregos en sectores produtivos da economía privada de 2001 e 2015 nótase un relativo incremento da importancia laboral de sectores como o comercio, a hostelaría, os servizos, a información e a cultura, que en total chegan ao 7,2%, pois o conxunto destes catro sectores pasaron do 33,4 ao 40,6% na economía local.
O 91,5% merca preto da casa
Nun sondeo realizado a pé de rúa sobre lugares de consumo, resultou que o 91,5% dos cidadáns merca os alimentos en tendas ou supermercados ubicados preto da súa casa, e a metade (53,4%) nunca utiliza o coche para mercar.
Só o 11,4% utiliza sempre o automóbil para mercar alimentos, o 18,6% faino menos de 4 veces ao mes e o 15,6% vai mercar alimentos en coche de 4 a 8 veces cada mes.
Case todos prefiren o centro da cidade para mercar
Outro resultado do sondeo fai referencia a que o 95,3% das persoas prefiren ir de compras polo centro da cidade, frente á opción de facelo en centros comerciais periféricos (o 12,2%), ou incluso a outros fóra de Pontevedra (7,2%). A resposta a esta pregunta era aberta, polo que algunhas persoas complementan a compra no centro con outras modalidades, na procura de ofertas ou obxectos específicos.
Das persoas que veñen de fóra en coche a mercar á cidade ou por ocio, aparcan tanto en estacionamentos de pago (o 53%) como nos gratuítos (47%), aínda que estes últimos son utilizados maioritariamente por quen vén traballar.
Máis empresas coa nova mobilidade
Entre os anos 2005 e 2015 medraron igualmente o número de empresas na cidade, xa que de 10.641 pasaron a 15.215, o que indica un repunte na economía local dun 42,9% en número de empresas que desenvolven a súa actividade en Pontevedra (en total 4.574 empresas máis nun periodo de 11 anos).